Friday 03 de May de 2024

O concello solicita unha achega á Xunta para renovar 455 metros de beirarrúas no Polígono de Xarás e instalar pluviais


Valorada en 110.998 euros foi aprobada hoxe en xunta de goberno

Santa Uxía de Riveira, 18 de febreiro de 2016.- A xunta de goberno local do Concello de Riveira formalizou no día de hoxe a solicitude dunha subvención á Consellería de Emprego, Economía e Industria dirixida á renovación de beirarrúas e á instalación de pluviais na avenida Ramiro Carregal Rey, sita no polígono industrial de Xarás.

Con esta actuación preténdese substituír 190 metros liñais de beirarrúa na marxe dereita (contados a partir da rotonda de acceso) e outros 265 metros na parte esquerda, suplantando a infraestrutura existente por outra de formigón para afianzar a seguridade viaria. Igualmente dotarase á zona dunha rede de pluviais da que carecía.

Valorada en 110.998,94 euros, as axudas á que aspira esta actuación foron convocadas o pasado 30 de decembro no Dierio Oficial de Galicia e están destinadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia. Poderíanse financiar con esta achega ata un máximo do 80%.